jueves, 17 de diciembre de 2015

"Mil bicos que non che dei"


O sábado 26 de decembro preséntase en Santa Comba, un libro de poesía de Regina Muñiz.




Regina fixo realidade un soño que viña alimentando. Ben sei o que significa sacar un libro do prelo, para unha persoa amante de sachar na leira das letras. De construir textos con sentimentos e palabras.


O importante para o poeta é escribir e sentir. Executar ese exercicio íntimo, gozoso pero tamén duro, de ceibar versos nun folio, ou nunha pantalla de ordenador.Esas sensacións persoais son moi importantes. 


Pero tamén resulta apaixoante ver o traballo en papel. Como o resultado dunha colleita elaborada que se pode compartir. Como unha porta aberta para quen queira entrar e ler. Porque os poemas son un mundo distinto nos ollos e nos corazóns de cada lector.


A escritora de Bazar, Regina Muñiz Gerpe xa ten o seu libro. O seu cartafol de soños e pensamentos chamado “Mil bicos que non che dei”(Edicións Finisterrae).


Aínda non tiven a ocasión de saborear os versos deste volume, porque haberá que estar na presentación, facerse cun exemplar, escoitar a autora e logo viaxar nas súas páxinas. Pero a cousa promete. Máis cando nese libro penso que hai amor eterno, distancia física, e conexión espiritual. Con esas uvas, o viño poético non defraudará.


Porque hoxe, con este artigo, só teño dúas intencións, informar que a presentación deste libro terá lugar o sábado 26 de decembro na libraría Ler de Santa Comba, desde as seis do serán e por suposto, parabenizar a Regina pola edición deste seu primeiro libro.


Vémonos na presentación.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

h