viernes, 27 de noviembre de 2015

Grazas Xosé Neira Vilas


Para moitos “Memorias dun neno labrego” foi como un rito iniciático nunha língua e nunha paixón de lector.




Non sei se foron os primeiros libros en galego que lin, pero dos cinco primeiros, dous foron de Xosé Neira Vilas. “Memorias dun neno labrego” e “Cartas a Lelo”.Seguro.



Foron as primeiras lecturas voluntarias. As que se marcan como un ferro quente na alma. As que nos enganchan para sempre.Non as obrigadas dos sistemas educativos que moitas veces alonxan as persoas.



Lembro as historias de Balbino e non podo evitar emocionarme, porque forman parte das primeiras experiencias da paixón de lector e de humilde escritor.



Aquelas historias eran próximas, cercanas, tan divertidas, para min, como as de Tom Sawyer ou Huckleberry Finn pero que recendían a néboa e a terra negra.Que corrían polas lameiras e se reflexaban nos ollos das vacas espreguizadas.



Estaban feitas no mesmo país, nunha época que non era igual para os que nacemos a mediados dos setenta, pero que se identificaba con moitos contos que me narraba meu avó entre columnas de fume de tabaco negro. Esa aldea que podería ser a de calquera de nós. Aqueles soños e as arelas de Balbino tamén poderían ser a nosas.



O seu estilo narrativo fíxome devorar “Memorias dun neno labrego” en moi pouco tempo, e comezar a debullar nas follas de “Cartas a Lelo” e noutros libros que se foron sucedendo naqueles anos mozos.


Por iso sempre lle estarei moi agradecido a Xosé Neira Vilas, pola maxia que encerraron os seus libros, pola fiestra aberta que supuxo para min coñecer, grazas a el, a Balbino a Lelo e outros persoeiros.


Grazas mestre!!!



FOTO-WIKIPEDIA








No hay comentarios:

Publicar un comentario

h